Wikipedia:Punto de vista neutral

Wikipedia scale of justice.png

O punto de vista neutral (PVN) é un principio fundamental da Wikipedia, así como un dos cinco piares. Todos os artigos da Wikipedia e demais contidos enciclopédicos deben estar escritos desde un punto de vista neutral, de xeito que representen completa e proporcionalmente, de forma clara e sen parcialidade, todas as visións significativas posibles publicadas por fontes fiables.

O punto de vista neutral é unha das tres políticas básicas da Wikipedia, xunto a verificabilidade e que a Wikipedia non é unha fonte primaria. En conxunto, estas políticas determinan o tipo e calidade do material aceptado nos artigos da Wikipedia. Ademais, as tres políticas compleméntanse e non se deben ter en conta por separado, polo que se recomenda familiarizarse coas tres. Esta política é innegociable e agárdase en todos os artigos e por parte de todos os editores. Os principios nos que están baseadas non poden ser substituídos por outras políticas ou normas nin polo consenso dos editores.

Explicación do punto de vista neutral

O punto de vista neutral é unha ferramenta coa que tratar visións diferentes duns feitos. Esta política require que onde haxa puntos de vista en conflito, os feitos se presenten no canto de se afirmar. Cómpre sinalar tódolos puntos de vista, e non só o máis popular ou coñecido.

Acadar o que a comunidade da Wikipedia entende como neutralidade significa analizar detida e criticamente unha variedade de fontes fiables e presentar ao lector a información dun xeito claro, preciso e proporcional sen parcialidade. Neste sentido, a Wikipedia pretende describir as disputas, sen entrar nelas. Todos os editores, malia ter os seus propios puntos de vista e opinións como é natural, deben esforzarse por achegar a información o máis completa posible de boa fe e non promocionar unha visión sobre outra. Acadar un punto de vista neutral non significa excluír certos puntos de vista, senón incluír tódolos puntos de vista verificables procurando un balance axeitado.

Os aspectos máis importantes a ter en conta para conseguir o nivel de neutralidade apropiado para unha enciclopedia son:

  • Evitar dar opinións como feitos. A miúdo, os artigos conteñen información sobre opinións significativas emitidas sobre o tema. Con todo, estas opinións non deben aparecer no texto como opinións propias da Wikipedia, sen atribuírllas ás fontes concretas. Por exemplo, un artigo non debería afirmar "o xenocidio é unha acción malvada", senón "[a persoa X] describiu o xenocidio como o epítome da maldade humana".
  • Evitar incluír afirmacións controvertidas como feitos. Se existen fontes fiables que realizan afirmacións contrarias sobre un tema, estas afirmacións deben tratarse coma opinións en lugar de feitos, sen presentalas coma indicacións directas do mesmo.
  • Evitar dar feitos como opinións. As afirmacións non controvertidas nin disputadas feitas por fontes fiables exprésanse habitualmente na voz da propia Wikipedia. Agás no caso de que un tema trate de forma específica sobre un desacordo sobre unha información non disputada doutra forma, non hai necesidade de dar unha atribución específica a unha afirmación, malia que si é necesario indicar a fonte da que procede como indica a verificabilidade.
  • Evitar unha lingua con prexuízos. Un punto de vista neutral non simpatiza nin está en desacordo co tema tratado, ou coa información dada polas fontes fiables sobre o tema, malia que en ocasións sexa preciso procurar un balance na presentación desta información. As opinións e afirmacións conflitivas deben presentarse nun ton desinteresado. A linguaxe empregada nos artigos debe evitar tanto prexuízos raciais como étnicos; de xénero, como a misoxinia, androxinia e o sexismo; de clase; económicos; e relixiosos, políticos e ideolóxicos.
  • Indicar a prominencia relativa das visións en conflito. É preciso asegurarse que os distintos puntos de vista sobre un tema reflictan de forma axeitada os niveis relativos de apoio dos que gozan, sen dar unha falsa impresión de paridade ou caer nunha falta de balance dando un peso específico non axeitado a unha opinión particular.
Other Languages
беларуская (тарашкевіца)‎: Вікіпэдыя:Нэўтральны пункт гледжаньня
hornjoserbsce: Wikipedija:NPOV
Lëtzebuergesch: Wikipedia:Neutralitéit
norsk nynorsk: Wikipedia:Objektivitet
srpskohrvatski / српскохрватски: Wikipedia:Neutralan stav
oʻzbekcha/ўзбекча: Vikipediya:Betaraf nuqtai nazar