Nomenclatura binominal

En bioloxía, a nomenclatura binominal (tamén chamada nomenclatura binaria) é un convenio estándar empregado para denominar as diferentes especies de organismos (vivos ou xa extintos). Ás veces faise referencia á nomenclatura binominal como Sistema de Clasificación binominal.

Como suxire a palabra «binominal», o nome científico asignado a unha especie está formado pola combinación de dúas palabras (nomes en latín ou de raíz grecolatina): o nome do xénero e o epíteto ou nome específico. O conxunto de ambos os dous é o nome científico que permite identificar a cada especie coma se tivese "nome e apelido".

A nomenclatura binominal é a norma puntual que se aplica á denominación dos taxóns específicos, mais representa só un dos estándares da nomenclatura biolóxica, que se ocupa tamén da denominación formal (científica) de taxóns doutras categorías.

Concepto

O nome de xénero (sempre que non se refira a un taxón monoespecífico) é compartido con outras especies próximas, como exemplo: Homo sapiens e Homo neanderthalensis son especies do mesmo xénero.

O descriptor específico (epíteto específico para a botánica, e nome específico para a zooloxía), que funciona como un "adxectivo cualificativo", pode ser un termo común para especies de diferentes xéneros, Por exemplo: Verbena officinalis e Lavandula officinalis son os nomes científicos para dúas plantas diferentes, a verbena e a lavanda respectivamente; aquí, officinalis é un cualificativo que significa "da farmacia ou botica", "de uso medicinal".

Así, o que designa inequívocamente á especie é a combinación das dúas palabras; deste xeito, o nome da especie humana é Homo sapiens e non soamente sapiens. Isto é porque o descriptor específico perde o seu significado nominal inequívoco se se escribe só.

Ás veces, a nomenclatura binaria pode xerar nomes con certo carácter descritivo. Como exemplo: Staphylococcus aureus, tería o significado de "grans en racimos" (Staphylococcus) e "dourado" (aureus) facendo referencia a que é unha bacteria en cuxos cultiivos se ve microscopicamente a distribución dos cocos en grupos de racimos e que macroscopicamente forma colonias amarelentas. Outras veces, o nome científico ten unha correspondencia case idéntica ao nome vulgar, por exemplo: Rosa canina para a rosa canina.

Other Languages