Gabriel Fauré

Gabriel Fauré
Gabriel Fauré by Pierre Petit 1905 - Gallica 2010 (cropped).jpg
Gabriel Fauré (1905) por Pierre Petit.
Nome completoGabriel Urbain Fauré
Data de nacemento12 de maio de 1845
Lugar de nacementoFrancia Pamiers, Francia
Data de falecemento4 de novembro de 1924 (79 anos)
Lugar de falecementoFrancia París, Francia
Instrumento(s)Piano e órgano
PremiosInstitut de France
Lexión de Honra
Parella/sMarie Fremiet
editar datos en Wikidata ]

Gabriel Urbain Fauré (Francés: [ɡabʁiɛl yʁbɛ̃ fɔʁe]), nado en Pamiers o 12 de maio de 1845[a] e finado en París o 4 de novembro de 1924, foi un compositor, pedagogo, organista e pianista francés. Fauré é considerado un dos compositores franceses máis destacados da súa xeración e o seu estilo musical influiu a moitos compositores do século XX. Entre as súas obras máis coñecidas destacan a Pavana, o Réquiem, os nocturnos para piano e as cancións «Après un rêve» e «Clair de lune». Aínda que as súas composicións máis coñecidas e accesibles para o gran público son xeralmente as dos seus primeiros anos, Fauré compuxo gran parte das súas obras máis prezadas polos críticos ao final da súa carreira, nun estilo harmonica e melodicamente máis complexo.

Naceu nunha familia culta pero sen particular afección musical, e demostrou o seu talento para a composición cando apenas era un neno. Foi enviado a un colexio de música en París, onde se formou para ser organista de igrexa e director de coro. Entre os seus mentores encontrábase Camille Saint-Saëns, quen se converteu no seu amigo de por vida. Logo de graduarse en 1865, Fauré gañábase a vida de forma modesta como organista e mestre, o que lle deixaba pouco tempo para compoñer. Cando acadou o éxito e ocupou os importantes cargos de organista da igrexa de la Madeleine e director do Conservatorio de París, apenas tiña tempo para compoñer; durante as vacacións de verán, retirábase ao campo para adicarse a dita tarefa. Nos seus últimos anos, Fauré foi recoñecido en Francia como o compositor francés máis importante da súa época. En 1922 rendiuselle unha homenaxe musical nacional sen precedentes en París, encabezado polo entón presidente Alexandre Millerand. Fauré tiña algúns admiradores en Inglaterra mais a súa música, se ben era coñecida noutros países, tardou décadas en ser amplamente aceptada.

O seu legado foi descrito como o enlace entre o final do Romanticismo co Modernismo do segundo cuarto do século XX. Cando naceu, Frédéric Chopin aínda compuña, e no momento do seu falecemento, escoitábanse estilos como o jazz e a música atonal da Segunda Escola de Viena. O Grove Dictionary of Music and Musicians, que o describe como o compositor máis avanzado da súa xeración en Francia, indica que as súas innovacións harmónicas e melódicas influíron na ensinanza da harmonía musical en xeracións vindeiras. Contrastando co encanto das súas primeiras obras, as súas últimas composicións, escritas cando a súa xordeira era cada vez maior, son consideradas imprecisas e de carácter introvertido e, noutras ocasións, axitadas e apaixonadas.[5]

Traxectoria

Romántico nos seus inicios e admirador da música de Richard Wagner, sumouse logo á corrente impresionista na liña da música francesa, acadando a súa unha gran finura melódica e equilibrio compositivo.

Primeiros anos

Gabriel Urbain Fauré naceu en Pamiers, no departamento de Ariège, Francia, o 12 de maio de 1845, sendo o quinto dos seis fillos que tivo o matrimonio entre Marie-Antoinette-Hélène Lalène-Laprade (1809-1887) e Toussaint-Honoré Fauré (1810-85).[6] Segundo o biógrafo Jean-Michel Nectoux, a presenza da familia Fauré nesta parte de Francia databa do século XIII.[2] Membros da familia foron anteriormente terratenentes importantes, mais contra o século XIX os seus medios económicos reducíronse. O avó paterno do compositor, Gabriel, era un carniceiro cuxo fillo converteuse en mestro de escola.[4] En 1829, os pais de Fauré contraeron matrimonio. A súa nai era filla dun membro menor da nobreza. Gabriel foi o único dos seis fillos do matrimonio que amosou talento musical. Os seus catro irmáns realizaron as súas carreiras no xornalismo, a política, o exército e a administración pública, e a súa irmá tivo unha vida tradicional como esposa dun funcionario público.[6]

Enviárono a vivir cunha ama de cría ata que cumpriu os catro anos.[7] En 1849, o seu pai obtivo o posto de director da École normale supérieure en Montgauzy, preto de Foix, o que permitiu a Fauré regresar a vivir coa súa familia.[8] Alí había unha capela adxunta á escola, na que o mozo Fauré pasaba horas tocando o harmonio:[9]

Medrei, sendo un neno tranquilo de bo comportamento, nun área de gran beleza [...] Mais a única cousa que realmente lembro é o harmonio naquela pequena capela. Cada vez que podía saírme corría cara aló e entretíñame [...] Tocaba atrozmente [...] sen ningún método, completamente sen técnica, mais lembro que estaba feliz; e se iso é o que significa ter vocación, entón é unha cousa moi agradable.
Gabriel Fauré en 1864, co uniforme da École de Musique Classique et Religieuse.

Unha anciá cega, que escoitaba e daba consellos ao rapaz, faloulle ao pai de Fauré do talento musical do seu fillo.[7] En 1853, Dufaur de Saubiac, un funcionario da Asemblea Nacional,[b] escoitou a Fauré e aconselloulle a seu pai envialo á École de Musique Classique et Religieuse, que Louis Niedermeyer estaba establecendo en París.[13] Despois de reflexionar durante un ano, o pai de Fauré accedeu e levou ao rapaz, que daquela tiña nove anos, a París en outubro de 1854.[5]

Fauré continuou como alumno na escola durante once anos, durante os cales estivo sostido economicamente por unha bolsa concedida polo bispo da súa diocese.[14] O réxime da escola era austero, os cuartos lúgubres, a comida mediocre e os mozos estaban obrigados a vestir un elaborado uniforme.[c] O ensino musical, con todo, era excelente.[3] Niedermeyer, cuxo obxectivo producir organistas e directores competentes, centrados na música sacra. Os titores de Fauré foron Clément Loret para o órgano, Pierre-Louis Dietsch para a harmonía, Xavier Wackenthaler para contrapunto e fuga, mentres que as clases de piano, canto chan e composición recaeron sobre o propio Niedermeyer.[5]

Logo do falecemento de Niedermeyer en marzo de 1861, foi Camille Saint-Saëns quen ocupou o seu lugar a cargo dos estudos de piano e introduciu a música contemporánea, incluíndo obras de Robert Schumann, Franz Liszt e Richard Wagner.[16] Máis adiante, Fauré lembraría o papel que tivo na súa carreira musical:[17]

Deixando que o tempo de clase se extendera máis do estipulado, íase ao piano e nos revelaba aquelas obras dos mestres ás que non tiñamos acceso polo rigor da natureza clásica do noso programa de estudos e que, ademais, en aqueles anos tan afastados, coñecíanse pouco [...] Daquela contaba con 15 ou 16 anos, e desa época data o apego case filial [...] a inmensa admiración, a gratitude incesante que tiven por el, durante toda a miña vida.

Saint-Saëns seguía con entusiasmo o progreso do mozo Fauré, axudándoo cada vez que podía. Nectoux afirma que en cada etapa da carreira de Fauré «a influencia que Saint-Saëns exerceu pode darse por sentado».[18] A íntima amizade entre ambos durou ata a morte de Saint-Saëns seis décadas máis tarde.[1] Fauré gañou múltiples premios na escola, incluído o premiers prix pola composición de Cantique de Jean Racine, Op. 11, o primeiro dos seus traballos corais en formar parte do seu repertorio habitual.[5] Deixou a escola en xullo de 1865 como Laureat en órgano, piano, harmonía e composición e cun diploma como Maître de Chapelle.[19][20]

Organista e compositor

Retrato de Fauré (c. 1870) hecho por Paul Mathey (1844-1929).

Ao deixar a École Niedermeyer, Fauré foi nomeado xefe organista da igrexa de Saint-Sauveur, en Rennes, Bretaña. Asumiu o cargo en 1866.[21] Durante os seus catro anos aló, ampliou os seus ingresos tomando alumnos privados aos que lles deu «innumerables leccións de piano».[22] Debido á insistencia regular de Saint-Saëns continuou compoñendo, mais ningunha das súas obras deste período sobreviviu.[23] Con todo, Fauré aburríase en Rennes e tiña unha relación difícil co párroco, que dubidaba da convición relixiosa de Fauré.[24] A Fauré víaselle regularmente zafarse nos sermóns para fumar un cigarro e, a principios de 1870, cando un domingo chegou para tocar na misa aínda ataviado no seu traxe de gala por ter estado toda a noite nun baile, esixiron a súa dimisión.[24] Pouco tempo despois, coa discreta intercesión de Saint-Saëns, obtivo o posto de axudante de organista na igrexa de Notre-Dame de Clignancourt, situada ao norte de París.[25] Alí permaneceu só uns poucos meses. Logo do estalido da guerra franco-prusiana, presentouse voluntariamente para o servizo militar. Tomou parte no sitio de París e loitou en Le Bourget, Champigny e Créteil.[26] Foi condecorado coa Croix de Guerre.[27]

Logo da derrota de Francia por parte de Prusia, houbo un breve e sanguento conflito en París de marzo a maio de 1871, durante a Comuna.[27] Fauré escapou a Rambouillet, onde vivía un dos seus irmáns, e logo viaxou a Suíza onde foi profesor na École Niedermeyer, que se trasladara temporalmente a ese país para evitar a violencia en París.[27] O seu primeiro alumno no colexio foi André Messager, quen se convertería nun amigo de por vida e ocasional colaborador seu.[5][28] As composicións de Fauré deste período no reflectiron abertamente a axitación e o derramamento de sangue. Algúns dos seus colegas, entre os que se inclúen Saint-Saëns, Gounod e Franck escribiron e publicaron elexías e odas patrióticas. Fauré non foi partidario desta idea, con todo, de acordo coa súa biógrafa Jessica Duchen, «a súa música adquiriu unha atmosfera máis sombría e pesimista, un sentido de traxedia con tos escuros [...] apreciable sobre todo nas súas cancións deste período, como L'Absent, Seule! e La Chanson du pêcheur».[29]

Cando Fauré volveu a París en outubro de 1871, foi nomeado mestre de coro na igrexa de Saint-Sulpice, baixo a dirección do compositor e organista Charles-Marie Widor.[28] No exercicio das súas funcións, escribiu varios cánticos e motetes, algúns dos cales conserváronse.[30] En algúns servizos, Widor e Fauré improvisaban simultaneamente nos dous órganos da igrexa, tentando alcanzarse o un ao outro con repentinos cambios de tonalidade.[29] Fauré asistía regularmente aos salóns musicais que organizaban Saint-Saëns e Pauline Viardot-García, a quen o propio Saint-Saëns lle presentou.[5]

Fauré foi membro fundador da Société Nationale de Musique, formada en febreiro de 1871 baixo a presidencia conxunta de Romain Bussine e Saint-Saëns, co fin de promover a nova música francesa.[31] Outros membros que participaron foron Georges Bizet, Emmanuel Chabrier, Henri Duparc, Vincent d'Indy, César Franck, Édouard Lalo e Jules Massenet.[32][5] Fauré chegou ser secretario da sociedade en 1874.[32] Moitas das súas obras foron presentaron por primeira vez nos concertos da sociedade.[32]

Fauré c. 1875.

En 1874, Fauré mudouse de Saint-Sulpice á igrexa de la Madeleine como suplente do organista principal, Saint-Saëns, ante as numerosas ausencias deste cando se encontraba de xira de concertos.[33] Algúns admiradores da música de Fauré lamentaron o feito de que, aínda que se adicou profesionalmente ao órgano durante catro décadas, non deixou composicións para este instrumento.[34] Saint-Saëns comentou que Fauré «era un organista de primeira clase cando se propuña»,[35] e era recoñecido polas súas improvisacións.[36] Con todo, prefería o piano sobre o órgano, o cal só tocaba porque lle proporcionaba ingresos regulares.[37] Duchen especula con que a Fauré non lle gustaba o órgano, posiblemente porque «para un compositor de tal delicadeza de matices, e tan sensual, o órgano simplemente non era o suficientemente sutil».[38]

Segundo Nectoux, os Clerc foron a familia comprensiva que Fauré non tivo durante a súa estandía na escola de Niedermeyer.[39] Camille Clerc, xnxeñeiro pola École polytechnique, durante o verán organizaba concertos privados aos que asistían importantes músicos como Joseph Hollmann, Gustav Friedrich e Hubert Léonard, e o propio Fauré.[39] Este tipo de eventos non estaban só reservados para músicos, senón tamén para outro tipo de persoas de renome aínda sen ser profesionais da música. Este área de influencia permitiulle a Fauré conseguir múltiples recomendacións en eventos musicais, o que o estimulou e brindoulle máis experiencia no seu traballo.

1877 foi un ano importante para Fauré, tanto a nivel persoal como profesional.[40] En xaneiro, interpretouse a súa primeira sonata para violín nun conceerto na Société Nationale con gran éxito, o que marcou un punto decisivo na súa traxectoria como compositor aos 31 anos.[40] Nectoux considera a peza como a primeira obra mestra do compositor.[41] En marzo, Saint-Saëns xubilouse do seu posto n la Madeleine e sucedeuno como organista Théodore Dubois, daquela mestre de coro; Fauré ocupou o cargo que Dubois deixaba.[40] En xullo, Fauré comprometeuse coa filla de Pauline Viardot-García, Marianne, de quen estaba profundamente namorado.[40] Por motivos non de todo claros, a súa prometida rompeu o compromiso en novembro dese ano, causándolle a el unha gran tristeza.[42] tentando distraer a Fauré, Saint-Saëns levouno a Weimar e presentouno ante Franz Liszt. Esta visita espertou o interese do músico por viaxar ao estranxeiro, o cal continuaría facendo o resto da súa vida.[42] Dende 1878, Fauré e Messager embarcáronse en viaxes fóra do país para ir ver óperas de Wagner. Viron obras tales como Das Rheingold e Die Walküre na Ópera de Colonia, o ciclo completo de Der Ring des Nibelungen na Hofoper de Múnic e no Her Majesty's Theatre en Londres; así como tamén Die Meistersinger von Nürnberg en Múnic e en Bayreuth, onde tamén viron Parsifal.[43] Frecuentemente Fauré e Messager tocaban para animar as fiestas o irreverente Souvenirs de Bayreuth, composta por ambos en 1878. Esta pequena e caprichosa peza musical de piano a catro mans parodia temas de Der Ring des Nibelungen.[44] Fauré admiraba a Wagner un coñecemento detallado da súa música,[45] pero foi un dos poucos compositores da súa xeración que non se viron influídos pola súa obra.[45][d]

Anos medios

Marie Fremiet, esposa de Fauré.

En 1883, Fauré casou con Marie Fremiet, a filla do notable escultor Emmanuel Frémiet.[47][e] Se ben o matrimonio era afectivo, Marie mostrábase resentida polas constantes ausencias de Fauré, a súa vida doméstica —horreur du domicile— e os seus amoríos, mentres ela permanecía na casa.[47][f] En 1892, foi relacionado sentimentalmente coa cantante Emma Bardac,[49] quen foi a súa inspiración para o seu ciclo La bonne chanson, Op. 61.[50] A este amorío seguiulle probablemente unha relación coa compositora Adela Maddison.[51] En 1900, Fauré coñeceu á pianista Marguerite Hasselmans, filla de Alphonse Hasselmans. A partir de entón, ambos estiveron comprometidos nunha relación que duraría o resto da vida de Fauré.[52]

A cantante Emma Bardac, coa que se relacionou sentimentalmente a Fauré.

Aínda que Fauré valoraba a Marie como amiga e confidente, escribíndolle frecuentemente -ás veces a diario- cando estaba fora da casa, ela non compartía a súa natureza apaixonada, que encontraba satisfacción noutra parte.[53] Fauré e a súa esposa tiveron dous fillos. O primeiro, nado en 1883, Emmanuel Fauré-Fremiet —Marie insistiu na combinación do seu apelido co de Fauré—, converteuse nun biólogo de prestixio internacional.[54] O segundo fillo, Philippe, nado en 1889, converteuse en escritor. As súas obras inclúen historias, obras de teatro e biografías do seu pai e o seu avó.[55][5]

Para apoiar economicamente á súa familia, Fauré pasou algún tempo traballando na igrexa de la Madeleine e dando clases de piano e harmonía. As súas composicións reportáronlle unha cantidade insignificante de diñeiro, debido a que o seu editor mercábaas por 60 francos cada unha e Fauré non obtiña dereitos de autoría polo seu uso.[56] Neste período, Fauré escribiu unha gran cantidade de obras, entre as cales inclúense pezas e cancións para piano; con todo, destruíaas despois de interpretalas unhas cantas veces e só conservaba uns cantos movementos para reutilizar os motivos.[5] Entre as obras deste período que sobreviviron encóntranse o Requiem, comezado en 1887 e revisado e expandido durante varios anos ata a súa versión final de 1901.[57] Despois da súa primeira interpretación en 1888, o párroco díxolle ao compositor: «Non precisamos destas innovacións: o repertorio de la Madeleine é o suficientemente rico».[58]

Cando era mozo, Fauré era moi feliz; un amigo seu mencionou nun escrito a súa «ledicia xovial, algo infantil».[59] No entanto, cando tiña uns 30 anos, o seu amorío falido sumado ao seu escaso éxito como compositor posiblemente derivaron en ataques depresivos, que el mesmo describiu como «mal humor».[5] En 1890, un prestixioso e remunerado encargo de escribir unha ópera con letra de Paul Verlaine viuse truncado pola incapacidade do poeta ao estar bébedo para entregar un libreto. Fauré sumiuse nunha depresión tan profunda que os seus amigos estiveron moi preocupados pola súa saúde.[60] En 1891, Fauré viaxou a Venecia (Italia) invitado pola mecenas estadounidense Winnaretta Singer, que logo sería coñecida como a princesa Edmond de Polignac,[50] ao seu palacio no Gran Canal.[61] Recuperou o ánimo e comezou a compoñer de novo, escribindo a primeira das súas cinco Mélodies de Venise, con letra de Verlaine, cuxa poesía seguía admirando a pesar da debacle da ópera.[62][63]

Ambroise Thomas calificaba como «peligrosamente moderno» a Fauré para encabezar el Conservatorio.

Durante este tempo, ou un pouco despois, comezou a relación de Fauré con Emma Bardac; en palabras de Duchen, «por primeira vez, aos seus corenta e tantos anos, experimentou que lle correspondían, unha relación apaixonada que se prolongou durante varios anos».[64] Os seus principais biógrafos coinciden en que este suceso inspirou unha explosión de creatividade e unha nova orixinalidade na súa música, o que se exemplifica no ciclo musical La bonne chanson.[64][65][66][67][62] Fauré escribiu a suite Dolly para piano a catro mans entre 1894 e 1897 e adicoulla á filla de Bardac, Hélène, tamén coñecida como «Dolly».[5][g] Algunhas persoas sospeitaron que o pai de Dolly era o propio Fauré, mais os seus biógrafos, incluso Nectoux e Duchen, non comparten esa mesma idea: a relación de Fauré con Emma Bardac pénsase que comezou xusto despois de que Dolly nacera, aínda que non hai probas concluíntes en calquera caso.[49][68]

Durante a década de 1890, a situación de Fauré mellorou. Cando Ernest Guiraud, profesor de composición no Conservatorio de París, morreu en 1892, Saint-Saëns alentouno a presentarse ao posto vacante. Os máis influentes no Conservatorio consideraron a Fauré como perigosamente moderno e o seu director, Ambroise Thomas, rehusou darlle o posto ao declarar: «Fauré? Xamais! Se el é elixido, eu renuncio».[69] A pesar de elo, Fauré resultou elixido, mais para outro posto ocupado polo falecido Guiraud: inspector dos conservatorios de música nas provincias francesas.[62] Aínda que as viaxes prolongadas ao longo de todo o país que o traballo lle demandou desagradábanlle, tamén proporcionáronlle uns ingresos estable e permitíronlle deixar de dar clases a estudantes afeccionados.[70]

En 1896, Ambroise Thomas morreu e Théodore Dubois asumiu a dirección do Conservatorio. Fauré substituíu á súa vez a este último como organista xefe de la Madeleine. A elección de Dubois tivo máis repercusións: Jules Massenet, profesor de composición no Conservatorio, esperaba substituír a Thomas no seu posto, mais excedera a confianza de todos ao insistir en asumir o cargo de por vida.[71] Polo tanto, a súa solicitude foi rexeitda e optouse por elixir a Dubois para o posto, logo do cal Massenet renunciou anoxado.[72] Fauré asumiu a vacante de profesor de composición. Como tal, instruíu a varios compositores novos como Maurice Ravel, Florent Schmitt, Charles Koechlin, Louis Aubert, Jean Roger-Ducasse, George Enescu, Paul Ladmirault, Alfredo Casella e a compositora Nadia Boulanger.[5] Dende a perspectiva de Fauré, os seus alumnos precisaban dunha base firme en habilidades básicas, así que delegou esta responsabilidade con felicidade ao seu asistente André Gedalge.[73] A función de Fauré viña logo cando debía axudar aos seus estudantes a empregar esas habilidades dun xeito que se adaptaran aos talentos individuais de cada un. Ao respecto, Roger-Ducasse escribió: «Asumindo o que fora no que estivesen traballando os alumnos, el evocaría as regras da forma a man [...] e referiríase a exemplos, sempre dos mestres».[74] Ravel nunca esqueceu a mentalidade aberta de Fauré como mestre. Logo de recibir o Cuarteto para cordas de Ravel con pouco do seu habitual entusiasmo, Fauré pediulle uns días despois o manuscrito para velo outra vez e comentou: «Podería terme equivocado».[75] O musicólogo Henri Prunières escribiu á súa vez: «O que Fauré desenvolveu nos seus alumnos foi unha sensibilidade harmónica, exquisita, o amor das liñas puras, de modulacións inesperadas e coloridas; mais nunca lles recoñeceu por compoñer acorde ao seu estilo e esa é a razón pola que todos eles buscaron os seus propios camiños en moitas direccións, frecuentemente, opostas».[76]

As obras de Fauré nos últimos anos do século XIX incluíron música incidental para a estrea inglesa da obra de teatro Pelléas et Mélisande (1898) de Maurice Maeterlinck, con título homónimo, e de Prométhée, unha traxedia lírica composta para o anfiteatro en Béziers. A obra, escrita para actuacións ao aire libre, está composta para enormes elencos instrumentais e vocais. A súa estrea, en agosto de 1900, foi un gran éxito, a tal grao que se repetiu en Béziers o ano seguinte, e en París en 1907. En maio de 1917, produciuse unha versión orquestrada para elencos de tamaño habitual en teatros de ópera para a Ópera de París. Logo disto, realizáronse máis de corenta actuacións en París.[h] De 1903 a 1921, Fauré escribiu con regularidade críticas musicais para o diario Le Figaro, rol no cal non se sentía cómodo. O seu biógrafo Jean-Michel Nectoux considerou que a bondade e a mentalidade aberta naturais de Fauré predispoñíano a enfocarse nos aspectos positivos dunha obra.[5]

Director do Conservatorio de París

Maurice Ravel foi alumno de Gabriel Fauré no Conservatorio de París.

En 1905, produciuse un escándalo nos círculos musicais franceses en torno ao principal galardón de Francia, o Prix de Rome. Crese que algúns membros reaccionarios do Conservatorio negáronlle de xeito inxusto o premio a Maurice Ravel, alumno de Fauré.[78] O certo é que a candidatura de Ravel para o Prix de Rome rexeitouse ata en cinco ocasións.[50] Ante as numerosas críticas feitas a Dubois, este viuse obrigado a renunciar.[79] Fauré ocupou o seu posto no Conservatorio. Co apoio do goberno francés realizou unha serie de mudanzas na administración e o currículo. Introduciu xuíces externos independentes ao organismo, que tomarían parte nas decisións correspondentes ás admisións, exames e competencias, unha mudanza que anoxou a algúns membros do profesorado que deran un trato especial aos seus alumnos privados. Moitos deles renunciaron ao seu posto ao verse privados dos seus considerables ingresos extraordinarios.[80] Ante as modificacións no currículo, Fauré comezou a ser visto como o «revolucionario equitativo», sendo alcumado «Robespierre» por membros descontentos da vella garda. Así mesmo, modernizou e ampliou o rango da música impartida no Conservatorio. Tal e como Nectoux argumenta: «Onde algunha vez reinaran Auber, Halévy e especialmente Meyerbeer [...] foi posible cantar agora un aria de Rameau ou mesmo algo de Wagner —que ata aquel momento era un nome prohibido dentro dos muros do Conservatorio—».[81] Con todo isto, o repertorio abarcou dende a polifonía renacentista ata a obra de Claude Debussy.[81]

A nova posición de Fauré reportoulle maior estabilidade económica, ademais de ser máis recoñecido como compositor en Europa. Con todo, a dirección do Conservatorio deixouno sen tempo para a composición en contraste a cando levaba unha vida como organista e mestre de piano. Tan pronto como o ano laboral rematou, nos últimos días de xullo, saíu de París e pasou case dous meses, ata principios de outubro, nun hotel, localizado preto dos sagos suízos, para concentrarse na composición.[82] Algunhas obras de datan deste período inclúen a súa obra lírica Pénélope, así como tamén algunhas das súas cancións máis características —por exemplo, o ciclo La chanson d'Ève, Op. 95, completada en 1910— e pezas de piano —Nocturnos n.º 9-11; Barcarolas n.º 7-11, escritas entre 1906 e 1914—.[5]

Fauré an torno ao ano 1900.

En 1909, foi nomeado membro do Institut de France. O seu sogro e Saint-Saëns, ambos membros do Institut dende ía tempo, fixeron unha forte campaña no seu favor e finalmente o músico gañou as votacións por unha estreita marxe, con 18 votos fronte a 16 do outro candidato, Charles-Marie Widor.[83] Ese mesmo ano, un grupo de compositores liderados por Ravel e Koechlin romperon coa Société Nationale de Musique, a cal, baixo a presidencia de Vincent d'Indy, adoptara ideais reaccionarios. A causa de isto, formaron un novo grupo: a Société Musicale Indépendante, da cal Fauré aceptou a presidencia. Sendo a súa única e principal preocupación darlle pulo á nova música, permaneceu como membro da vella sociedade e continuou mantendo unha boa relación con d’Indy.[83] En 1911, Fauré supervisou o traslado do Conservatorio a unhas novas instalación na rue de Madrid.[82] Durante este período, Fauré desenvolveu problemas de oído e foi perdendo este sentido gradualmente. O son non só volveuse máis feble, senón que tamén era distorsionado, así que os tons altos e baixos do seu rango audible soaban como outros tons. Fixo esforzos para disimular a súa dificultade, mais ao final foi forzado a abandonar o seu posto como profesor.[84]

A principios de século, a música de Fauré comezou a introducirse en Gran Bretaña e, con menor alcance en Alemaña, España e Rusia.[85] Visitaba con frecuencia Inglaterra, onde se lle invitou a tocar no Palacio de Buckingham en 1908, o que lle abriu moitas portas en Londres e outros lugares.[86] Estivo presente na estrea da Primeira Sinfonía de Edward Elgar, tamén ese ano, e logo cenou con el.[87] Posteriormente, Elgar escribiría unha carta ao seu amigo Frank Schuster onde lle diría que «Fauré era un verdadeiro cabaleiro —da mellor clase de home francés— e admireino extremadamente». Elgar tentou programar o Réquiem de Fauré no Three Choirs Festival, mais non o conseguiu ata que finalmente tivo a súa estrea inglesa en 1937, case cincuenta anos despois da súa primeira interpretación en Francia.[88] Compositores provenientes de outros países tamén estimaban e admiraban a Fauré: Piotr Ilich Tchaikovski cualificábao como «adorable»,[89] Isaac Albéniz e Fauré foron amigos e correspondentes durante moitos anos,[90] Richard Strauss pedíalle consellos,[91] e, nos últimos anos do compositor, un mozo Aaron Copland converteuse no seu fiel admirador.[1]

O estalido da Primeira Guerra Mundial sorprendeu a Fauré en Alemaña, a onde acudira para pasar o seu retiro anual adicado á composición. Logrou sair de Alemaña para asentarse en Suíza, dende onde puido trasladarse a París.[92] Permaneceu en Francia ata o final da guerra. Cando un grupo de músicos franceses liderados por Saint-Saëns tentaron organizar un boicot á música alemá, Fauré e Messager desvinculáronse da idea, aínda que o desacordo non afectou á súa amizade con Saint-Saëns.[i] Fauré non recoñecía o nacionalismo na música, vendo na súa arte «unha linguaxe que pertence a un país tan por riba de todos os demais que se arrastra cando ha de expresar os sentimientos ou trazos individuais que pertencen a unha nación en particular».[95] Con todo, era consciente de que a súa música era máis respectada que querida en Alemaña. En xaneiro de 1905, ao visitar Frankfurt e Colonia para ofrecer concertos da súa música, Fauré escribiu: «As críticas da miña música foron un pouco frías, ¡pero á vez moi educadas! Non hai dúbida ao respecto, o francés e o alemán son dous temas diferentes».[96]

Últimos anos e legado

Homenaxe nacional a Fauré en 1922. Fauré e o presidente Alexandre Millerand están situados entre as dúas estatuas.

En 1920, aos 75 anos, Fauré retirouse do Conservatorio debido á súa crecente xordeira e á súa debilidade física.[5] Ese mesmo ano, obtivo a Gran Cruz da Lexión de Honra, un recoñecemento rara vez concedido a un músico. En 1922, rendiuselle unha homenaxe nacional pública a cargo do presidente da República, Alexandre Millerand, descrito en The Musical Times como «unha espléndida celebración na Sorbona, onde participaron os máis ilustres artistas franceses, o cal deulle moita ledicia. Tratouse dun espectáculo conmovedor: o dun home presente nun concerto da súa propia obra e incapaz de escoitar unha soa nota. Quedábase mirando pensativo e, a pesar de todo, amosaba agradecemento e satisfacción».[84] Ese mesmo ano foi invitado aos Grémys celebrados en Villa Frya, onde lle confiou á súa esposa sentir que vivía a «vida dun lacazán».[97] Así mesmo, nesta época publicouse unha nota no Excelsior titulada «Mon père», onde o propio Fauré lembraba como se adentrara no mundo da música:

[...] Foi sorprendente descubrir as miñas tendencias cara á música posto que ninguén da miña familia era en si un músico. O talento mostrouse ante míin cando apenas tiña dez anos, e nunha etapa tan temperá non significaba unha preocupacion sobre calquera efecto posible no meu futuro. Tempo despois quizais xurdiron dúbidas sobre a elección da música como carreira. De calquera xeito, meu pai encontrábase indeciso —eu era o sexto dos seus fillos— e el non podería permitirse o luxo de tomar risgos.

Excelsior. «Mon père», 12 de xuño de 1922.

Fauré nos seus últimos anos de vida.

Fauré estivo delicado de saúde nos seus últimos anos, en parte polo seu tabaquismo. Aínda así, mostrou disposición para axudar aos novos compositores, entre eles a algúns membro de Les Six, que eran os seus seguidores.[84][j] Respecto a esta etapa da súa vida, Nectoux describe: «Na súa vellez logrou unha certa serenidade, sen perder en absoluto a súa notable vitalidade espiritual, aínda que afastado do sensualismo e a paixón dos traballos que escribiu entre 1875 e 1895».[5] Do mesmo xeito, sostivo que o seu humor decrecía notablemente, como se estivera adoptando un pouco o estilo melódico de Wagner.[97] Sabía que pronto morrería, polo que nunha carta dirixida á súa esposa escrita en outubro de 1924 Fauré concluía dicindo:

Cando regrese a París, pasarei un pequeno tempo de cada día dándote cada un dos meus bosquexos, borradores e todo o sobrante que, logo da miña morte, non quero que sobrevivan, así que podes queimalo todo. Mentres estiven enfermo, deime conta que é algo que de verdade preciso facer. Así que axúdame a realizalo.[99]

Nos seus últimos meses, Fauré esforzouse por completar un cuarteto de corda. Vinte anos antes, Ravel adicáralle o seu Cuarteto para cordas. Ravel e outros instaron a Fauré para compoñer un propio. Negouse durante moitos anos, co argumento de que era demasiado difícil. Cando por fin adicouse a escribilo, fíxoo con temor, díxolle á súa esposa: «Comecei un cuarteto de cordas, sen piano. Este é un xénero que Beethoven, en particular, fixo famoso, e fai que todas as persoas que non son Beethoven estean aterradas del».[100] Traballou na obra durante un ano e finalizouna o 11 de setembro de 1924, menos de dous meses antes da súa morte, traballando longas horas cara ao final para completala.[101] A súa obra Cuarteto de cordas, Op. 121, estreouse de xeito póstumo en 1925.[102] Negouse a unha oferta para que a interpretaran en privado para el nos seus últimos días, xa que a súa audición deteriorárase ata o punto de que os sons musicais estaba terriblemente distorsionados no seu oído.[103]

Fauré morreu en París a causa dunha pneumonía o 4 de novembro de 1924, aos 79 anos de idade. Tivo un funeral de Estado na igrexa de la Madeleine e o seu corpo foi sepultado no cemiterio de Passy, en París.[104]

Logo da súa morte, o Conservatorio volveu ao seu antigo conservadorismo, onde a súa práctica harmónica constituiría o máximo límite de modernidade, unha barreira que os estudantes non debían cruzar.[105] O seu sucesor, Henri Rabaud, director do Conservatorio dende 1922 ata 1941, declarou que «o modernismo é o inimigo».[106] A xeración de estudantes nedos no período de entreguerras rexeitaron esta premisa obsoleta, polo que se inclinaron por Béla Bartók, pola Segunda Escola de Viena e polas últimas obras de Igor Stravinskii.[105]

En 1945, nunha homenaxe para conmemorar o centenario do seu nacemento, a musicóloga Leslie Orrey escribiu en The Musical Times: «Máis profundo que Saint-Saëns, máis variado que Lalo, máis espontáneo que d'Indy, máis clásico que Debussy, Gabriel Fauré é o mestre por excelencia da música francesa, o espello perfecto do noso xenio musical. Quizais cando os músicos ingleses coñezan mellor o seu traballo, esas palabras de Roger-Ducasse parecerán, xa non un eloxio, senón algo que lle correspondía».[107]

Other Languages
Afrikaans: Gabriel Fauré
العربية: غابرييل فوري
azərbaycanca: Qabriel Fore
български: Габриел Форе
čeština: Gabriel Fauré
Ελληνικά: Γκαμπριέλ Φωρέ
Esperanto: Gabriel Fauré
español: Gabriel Fauré
français: Gabriel Fauré
hrvatski: Gabriel Fauré
Հայերեն: Գաբրիել Ֆորե
interlingua: Gabriel Fauré
Bahasa Indonesia: Gabriel Fauré
íslenska: Gabriel Fauré
italiano: Gabriel Fauré
Lëtzebuergesch: Gabriel Fauré
lietuvių: Gabriel Fauré
latviešu: Gabriels Forē
Plattdüütsch: Gabriel Fauré
Nederlands: Gabriel Fauré
norsk nynorsk: Gabriel Fauré
português: Gabriel Fauré
română: Gabriel Fauré
srpskohrvatski / српскохрватски: Gabriel Fauré
Simple English: Gabriel Fauré
slovenčina: Gabriel Fauré
slovenščina: Gabriel Fauré
српски / srpski: Габријел Форе
Türkçe: Gabriel Fauré
українська: Габрієль Форе
Tiếng Việt: Gabriel Fauré
Bân-lâm-gú: Gabriel Fauré