Caracalla

Caracalla
Caracalla MAN Napoli Inv6033 n01.jpg
Nome completoMarcus Aurelius Antoninus Basianus
Nacemento4 de abril de 188
 Lugdunum
Falecemento8 de abril de 217
 Haran
SoterradoCastelo de Sant'Angelo
NacionalidadeRoma Antiga
Relixiónrelixión na Roma antiga
Ocupaciónpolítico
PaiSeptimio Severo
NaiJúlia Domna
CónxuxeFúlvia Plaucila
IrmánsXeta
editar datos en Wikidata ]
Busto de Caracalla

Marcus Aurelius Antoninus Basianus, nado en Lugdunum o 4 de abril de 188 e finado o 8 de abril do ano 217, político romano e fillo do entón gobernador da Galia Septimio Severo, foi un emperador romano co nome oficial de Marcus Aurelius Severus Antoninus Augustus. O seu nome de Caracalla fai referencia a unha capa de orixe gala que usaba decote e co alcume pasou á historia.

Traxectoria

Primeiros anos

Moi novo, sendo un neno, foi designado césar como herdeiro do trono do seu pai e no ano 211 é correxente con el ao ser nomeado augustus. No ano 202 casou con Plautila, filla do prefecto dos pretorianos Plautiano. Pouco despois acompañou o seu pai nunha visita a Leptis Magna, de onde procedía a súa familia. As discrepancias matrimoniais foron medrando e seique fixeron que Plautiano argallase rematar coa súa vida. Chamado ao pazo imperial, foi asasinado por Caracalla diante do emperador Septimio Severo e os seus fillos, Plautila e Plaucio foron desterrados ás illas Lipari. É a primeira manifestación do seu carácter e o selo que marcaría o tempo que estivo á fronte do Imperio.Pouco despois escomezan a se manifestar as discrepancias co seu irman Xeta, nomeado correxente polo seu pai. Entre os anos 208 e 211 estivo en Britania loitando canda o seu pai, onde falece.

Reinado con Xeta

Imperio Romano e provincias no 210

O reinado conxunto con Xeta non chegou ao ano. Acusado de fraticida, o certo é que Caracalla xamais puxo en dúbida o seu dereito primeiro ao trono como vinculeiro, e non aceptou a esixencia de Xeta de rachar o imperio en dous. O exército, fiel do imperio pola política de seu pai, aceptou a Caracalla sen problema ningún. Máis difícil de explicar é a represión que Caracalla exerceu contra dos amigos de Xeta, como a anciá irmá de Cómodo, o seu primo Severo, un sobriño de Marco Aurelio, un curmán de Pertinax, a súa propia muller e o seu cuñado, diversas vestais e incluso certos espectadores que aplaudían un auriga que non pertencía ao equipo favorito do emperador. Se ben a historiografia oficial romana denigrou a Caracalla e tratou de facelo pasar por tolo, non é posíbel demostrar todos estes feitos, e quizais sexa produto da lenda negra e moura coa que pasou á Historia. Caracalla non era un modelo de virtudes. A súa educación, que tiña por modelo un pai e unha nai que non dubidaban en facer o que fose para alcanzar os seus obxectivos, fixo que Caracalla gobernase cun concepto teocrático exaxerado do poder: aínda que mantivo o Consello, o Senado foi obviado en tódalas decisións, e este vingouse non con feitos, mais si con escritos.

O seu reinado inaugurouse con desordes en Alexandría, que foron reprimidos con certa dureza. A Caracalla afectáronlle dun xeito especial estas revoltas, xa que argallara diante do seu pai para mellorar a cidade que fundara Alexandre o Grande, e por quen sentía unha especial devoción. Outras desordes tiveron lugar en Retia e detectáronse casos de abuso de poder na Galia.

Crise

Moeda romana dun antoniniano, introducida pola reforma de Caracalla

A crise ecónomica agudizouse, aínda que non era un problema novo posto que se viña arrastrando dende tempos de Marco Aurelio. Aínda con todo pódese culpar a Caracalla de non lle facer fronte á crise. Introduciu unha moeda "branda", o antoniniano, que representaba as ideas ecónomicas daquel tempo. O exército medrou un 50% no seu gasto, o que serviu para recompoñelo e axeitalo ás novas condicións económicas. Outra das medidas ecónomicas foi a ampliación, no 212, da cidadanía romana ao imperio, actuación que se adoptou máis como decisión de política fiscal que con senso social, xa que a recadación dos impostos se facía dun xeito universal e máis xusto dentro do imperio. A idea de Septimio Severo de se apoiar no exército e de facer del unha nova clase media, xunguida á sociedade e non separada como deica entón, non fixo máis ca agravar a crise ecónomica, aínda que non lle supuxo ningún tipo de oposición.

A súa vinculación militar levouno a emprender diversas campañas, primeiro en Xermania, e despois nas loitas sucesorias en Partia. No ano 217 emprende unha campaña en Oriente, máis ca nada con fins propagandísticos, e nunha conxura dos oficiais ao seu mando é asasinado por Macrino entre Edessa e Carrae, o 8 de abril. Discútese ata que punto o Senado estaba ao cabo da conxura, pero foi o gran beneficiado para acadar de novo os privilexios que fora perdendo cos Severos.

Other Languages
Afrikaans: Caracalla
Alemannisch: Caracalla
aragonés: Caracalla
العربية: كاراكلا
مصرى: كاراكلا
تۆرکجه: کاراکالا
беларуская: Каракала
български: Каракала
brezhoneg: Caracalla
bosanski: Karakala
català: Caracal·la
čeština: Caracalla
Cymraeg: Caracalla
dansk: Caracalla
Deutsch: Caracalla
Zazaki: Caracalla
Ελληνικά: Καρακάλλας
English: Caracalla
Esperanto: Karakalo
español: Caracalla
eesti: Caracalla
euskara: Karakala
فارسی: کاراکالا
suomi: Caracalla
français: Caracalla
Frysk: Karakalla
Gaeilge: Caracalla
עברית: קרקלה
hrvatski: Karakala
հայերեն: Կարակալլա
Bahasa Indonesia: Caracalla
íslenska: Caracalla
italiano: Caracalla
日本語: カラカラ
ქართული: კარაკალა
Kongo: Caracalla
қазақша: Каракалла
한국어: 카라칼라
Latina: Caracalla
لۊری شومالی: کاراکالا
lietuvių: Karakala
latviešu: Karakalla
македонски: Каракала
മലയാളം: കാരകാല്ല
монгол: Каракалла
मराठी: कॅराकॅला
Bahasa Melayu: Caracalla
Plattdüütsch: Caracalla
Nederlands: Caracalla
norsk: Caracalla
occitan: Caracalla
polski: Karakalla
português: Caracala
rumantsch: Caracalla
română: Caracalla
русский: Каракалла
sicilianu: Caracalla
Scots: Caracalla
srpskohrvatski / српскохрватски: Karakala
slovenčina: Caracalla
slovenščina: Karakala
српски / srpski: Каракала
svenska: Caracalla
Kiswahili: Caracalla
Tagalog: Caracalla
Türkçe: Caracalla
українська: Каракалла
Tiếng Việt: Caracalla
Winaray: Caracalla
Yorùbá: Caracalla
中文: 卡拉卡拉
Bân-lâm-gú: Caracalla
粵語: 卡拉卡拉